Comunicado de la Plataforma Galega de apoyo a las Marchas de la dignidad (Pontevedra)


A Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade convoca unha manifestación para o vindeiro mércores, 26 de  febreiro, ás 20h na Praza da Peregrina en Pontevedra.

A manifestación ten por obxectivo apoiar e visibilizar na cidade de Pontevedra a iniciativa das Marchas da Dignidade do 22 de marzo.

O grupo de persoas e colectivos sociais e políticos que formamos a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade en Pontevedra facemos un chamamento á veciñanza da cidade e contorna a participaren na manifestación do vindeiro día 26 de febreiro.

Alén de para amosar o noso rexeitamento ás medidas económicas e sociais impostas polo actual executivo e os anteriores, a manifestación que sairá da praza da Peregrina ás 20h ten por obxectivo apoiar e visibilizar na cidade de Pontevedra a iniciativa das Marchas da Dignidade do 22 de marzo.  As Marchas da Dignidade son unha iniciativa de distintos sindicatos, organizacións sociais e políticas para encher Madrid nunha gran mobilización o vindeiro 22 de marzo, facendo converxer todas as protestas que se dan en todo o estado, a través de distintas columnas que chegarán á capital dende todos os territorios do estado, esixindo o fin dos recortes nos servizos públicos e en dereitos sociais, laborais e o expolio á clase traballadora que está a impor o actual réxime que está a gobernar en contra do pobo.

Para irmos a Madrid, a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas está a negociar a contratación dun tren a un prezo asequible. As persoas de Pontevedra e arredores interesadas en viaxaren neste tren deberán reservar son antelación o seu bono no local sindical da CGT en Pontevedra, na rúa Pasantería, todos os días desde as 19 ás 21h ou chamando ao 606595310 ou 628685445

A Plataforma Galega de Apoio ás Marchas convida a todas aquelas persoas e colectivos interesados nas Marchas da Dignidade a participar nunha nova asemblea aberta o vindeiro xoves, 27 de febreiro,  ás 20:30h no salón de actos do edificio de sindicatos de Pontevedra.

Mobilizámonos por dignidade e porque estamos convencidas e convencidos de que a loita e a mobilización permanente son o único camiño por iso convocamos e animamos a participar e integrarse a todo o mundo nas Marchas da Dignidade que confluirán o 22 de marzo en Madrid, como un paso máis para que o pobo se organice contra o roubo perpetuado polas élites.