Galiza: MANIFESTO CONSTITUCIÓN DE A ESQUERDA


logoslaizquierda_gallego 18 novConstitúese A ESQUERDA, como plataforma unitaria da esquerda transformadora en Galiza

O día 9 de abril constituíuse A ESQUERDA como un espazo de confluencia de militantes e activistas sociais, para o debate ideolóxico e a acción política; concibido como plataforma de forzas transformadoras, tribuna aberta, incluinte, plural e amábel, na que en pé de igualdade e de xeito horizontal, relaciónanse e conviven diversas tradicións, familias, correntes, sensibilidades e culturas da esquerda galega que procuran a construción dun novo referente político nacional que as inclúa e represente fielmente. Opinamos que os partidos máis tradicionais deixaron de ofrecer solucións reais para conseguir a autodeterminación da nosa nación e a emancipación das clases populares e a maioría social galega.

A ESQUERDA pretende conformarse como un espazo político que sexa capaz de agrupar ao maior número de organizacións, colectivos e persoas da esquerda plural, rupturista, altermundista, ecoloxista, feminista, soberanista e internacionalista que rexeitan o ultraliberalismo, ao obxecto de fomentar o intercambio de información, a creación de redes e o coñecemento mutuo; co obxectivo de construír unha hexemonía social acumulando forzas e tradicións das distintas esquerdas.

Esta necesaria hexemonía social faise urxente e prioritaria, dado que en Galiza atopámonos en plena depresión económica, con 276.463 desempregados e 120.000 persoas que viven na pobreza severa, o cal é insoportábel e insostíbel. Ademais a economía mergullada en Galiza move un total de 14.159 millóns de euros, sen esquecer a importante fraude fiscal e a evasión de capitais, que no conxunto do Estado español supera os 100.000 millóns de euros. A ESQUERDA pretende subverter esta situación impulsando unha rebelión cívica que termine co Réxime podrecido xurdido da IIª Restauración borbónica.

A ESQUERDA pretende ser un espazo de confluencia, para o debate e a acción, concibido como plataforma política aberta, plural e amábel, que se pon ao servizo do conxunto de cidadanía galega co obxectivo de conformar un referente político que a represente, un proxecto similar á Syriza grega; isto é, un proxecto que non supoña o reforzamento das vellas partitocracias da esgotada transición política.

A ESQUERDA será unha gran plataforma que abarcará amplos segmentos do espectro político que consideran prioritaria a construción dunha fronte ampla rupturista e a consecución da igualdade social por medio da xeralización de dereitos colectivos, fronte a intereses netamente individuais (privados) e a unha visión tradicional ou conservadora da sociedade, representados pola dereita política (PP) e o social-liberalismo (PSOE).

En resumo defendemos a apertura dun proceso constituinte que conduza á instauración dunha República galega, popular, radicalmente democrática e igualitaria, intercultural solidaria e aberta ao Mundo.

Santiago de Compostela, 9  de Abril de 2014