En liberdade os independentistas detidos en Ourense, Compostela e Vilaboa nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional


Están acusados de enaltecemento do terrorismo. Os axentes procederon a rexistrar as vivendas. Ministerio do Interior fala de ‘Operación Jaro II’ e di que é continuidade do operativo realizado contra Causa Galiza en 2015. O organismo anti-represivo Ceivar, do que fan parte as detidas, convocou concentracións para esta tarde en varias localidades. 

Unha imaxe do recebemento a Antom Santos en Compostela. Foto de GZ Contrainfo

Axentes da Garda Civil procederon na mañá desta cuarta feira, 21 de xuño, á detención de Iria C., Ugío C. e Afonso L, militantes de Ceivar, nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional. Segundo a versión do Ministerio do Interior,  as tres persoas detidas “dirixían un entramado de enaltecimiento e xustificación” do terrorismo de Resistencia Galega”. Unha acusación  que tería como principal argumento, segundo fontes consultadas polo Sermos, o acto de recebemento que o pasado 14 de maio se realizou en Compostela ao preso independentista Antom Santos. Porén, o Ministerio afirma que os arrestos son continuidade da Operación Jaro, desenvolvida en 2015 e na que se detivo 9 independentistas de Causa Galiza. Os axentes procederon ao rexistro dalgunhas das vivendas dos detidos.

As detencións producíronse en Compostela, Vilaboa e Ourense e as persoas detidas son trasladadas á Comandancia da Garda Civil de Compostela. Os detidos foron ficando en liberdade a primeira hora da tarde.

gz contrainfo uxio iria alfon
Desde Causa Galiza denuncian nun comunicado o que consideran máis un capítulo “na persecución e criminalización do independentismo galego” . Agora Galiza pide a liberdade inmediata das persoas detidas. Desde Galiza Nova consideran que as detencións procuran “desprestixiar o independentismo e o nacionalismo, ao mesmo tempo que se crea unha situación de alarma entre o pobo galego”. Briga, tamén nun comunicado, sostén que este operativo demostra que “no Estado espanhol o compromisso, a solidariedade, o ativismo social e cultural, a responsabilidade e o amor coletivo nom som valores a preservar mas a perseguir e condenar”.

Semos Galiza