Ferrol: La Marea Ártabra presenta  una denuncia contra el alcalde y el gobierno municipal 


La Marea Ártabra presentó hace unos días una denuncia contra el alcalde y el gobierno municipal ciudadanista de Ferrol


A Plataforma presentou unha denuncia no Xulgado de Ferrol, diante de todas as irregularidades na xestión do sistema de saneamento e depuración, para que no caso de corresponder, se diriman as responsabilidades que houber lugar, de todos os actores nesta maraña de irresponsabilidades, fraudes, enganos e inaccións, e para evitar calquera manipulación do por nós escrito, sobre todo por parte do Alcalde, grupo de goberno e de quen o asesora a salario ou non, a continuación transcribimos a denuncia que rexistramos, hoxe 19 de marzo de 2019
A continuación transcribimos a denuncia que rexistramos hoxe no Xulgado de Ferrol, diante de todas as irregularidades na xestión do sistema de saneamento e depuración, para que no caso de corresponder, se diriman as responsabilidades que houber lugar, de todos os actores nesta maraña de irresponsabilidades, fraudes, enganos e inaccións, e para evitar calquera manipulación do por nós escrito, sobre todo por parte do Alcalde, grupo de goberno e de quen o asesora a salario ou non.

AO XULGADO DE INSTRUCIÓN DE FERROL
QUE POR QUENDA CORRESPONDA

Alexandre Carrodeguas Martínez, Bernardo Rego Gárate, Fernando Ramos Armesto, Pablo Portero Arnaiz e Guadalupe Mª Lourdes Ces Rioboo, veciños e veciña de Ferrol, en nome propio e en representación da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, con enderezo a efectos de notificación, na Rúa Armada Española número 32 baixo, Ferrol (15406), manifestan que mediante o presente escrito, de conformidade ao artigo 259 e seguintes da Lei de Enxuizamento Criminal, formulan DENUNCIApor uns presuntos delitos de ESTAFA, baseado no artigo 248 e seguintes do Código Penal; PREVARICACIÓN, baseado no artigo 404 do mesmo código, e outros que se puideran probar, contra quen sexa responsable na Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A. -Emafesa, con enderezo en Ferrol (15403), na Praza da Ilustración, Nº 5 baixo e contra o Alcalde de Ferrol, como responsable no Concello de Ferrol, e se correspondera, contra concelleiros e concelleiras que cos seus votos e decisións posibilitaron a consumación dos presuntos delitos, con enderezo na Praza de Armas, S/N, con base nos seguintes

FEITOS 

Primeiro.- Que a Empresa Mixta de Augas de Ferrol, SA (EMAFESA), pasou ao cobro á veciñanza de Ferrol, dúas facturas polos conceptos de “Depuración cota de servizo” e “Depuración cota variable por consumo”, unha (En papel de cor sepia sen máis conceptos), durante os meses de xaneiro e febreiro deste ano 2018, correspondente á segunda quincena do mes de novembro e ao mes completo de decembro do pasado ano 2017 e outra factura (En papel de cor azul, integrada na xeral, xunto a outros conceptos) que comezaron a cobrar este mes de marzo, correspondente aos meses de xaneiro e febreiro do presente ano. Ambas facturas moi avultadas e que non se corresponden ao prezo real do servizo prestado, segundo recoñece publicamente o propio goberno municipal e así manifestou o Alcalde no Pleno Municipal do 15 de novembro de 2017, comprometendo-se en Pleno, á revisión inmediata da taxa. Mais na vez de revisar a taxa, dan a orde de pasar a cobro as facturas a sabendas de que están avultadas.

Segundo.- O Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, preguntado nos medios de comunicación, respondeu no mes de febreiro deste ano que contrataron un estudio para avaliar o custe e poder axustar a taxa ao custe real de depuración á empresa AUDISA(*). Moito nos tememos que esta contratación é moi posterior ao acordo plenario de levantamento da suspensión, en 15 de novembro do pasado ano. Pois o Concello de Narón que non tiña ese compromiso, xa tiña un Estudo feito, o 15 de febreiro deste ano, que encargou, en decembro, á empresa Ordenación Territorial Infraestruturas e Medio Ambiente (OTIMA), a realización dun estudo dos custes de explotación do sistema formado pola Estación de bombeo de augas residuais de A Malata e a Estación depuradora de augas residuais de Cabo Prioriño. Un estudo que tira como conclusión entre outras: “Estes custos están en liña coas previsións do proxecto e son, en conxunto, 709.112,07 € inferiores (ou un 31%) ós previstos no informe do Concello de Ferrol de 2016 ‘Estudio de costes justificativos y tarifas de saneamiento en alta y depuración del Concello de Ferrol’, estando estas diferencias orixinadas sobre todo pola redución de caudais observada na realidade en comparación coas previstas en estudios anteriores, incluído o Proxecto”. É dicir os custes, aínda sen estar conformes aos nosos propios estudos con este, dan un custe un 31% inferior, non xa ao da taxa que están aplicando agora (Maio 2014), senón á proposta no segundo informe de Emafesa de Novembro de 2016 que é lixeiramente inferior e que detallamos no cadro comparativo que vai neste escrito no feito Cuarto.

Terceiro.- No Pleno do 28 de agosto de 2014, presidido polo entón Alcalde José Manuel Rey Varela, aprobábase definitivamente unha Taxa onde non existía devengo de feito impoñible e estaba calculada sobre estimacións incumpridas, pois o servizo de depuración non se estaba a prestar, como así certifica o enxeñeiro municipal no seu informe do 27 de agosto do 2015, onde conclúe que as augas residuais saían da planta sen depurar. Como así se recoñece no Informe de Xestión anual de Emafesa 2014, por mor de deficiencias na estrutura da depuradora e falta de caudais suficientes. Polo que se verteron millóns de toneladas de augas residuais contaminadas en zona virxe protexida. Todo ocultado polo anterior goberno municipal. O 9 de setembro de 2015, o Xefe de Sección de Facenda e Patrimonio, emite un informe onde manifesta que se non se presta o servizo, decae o fundamento de calquera taxa. Este é un Informe favorábel á derogación da Taxa, baseada nunha fraude, desproporcionada e só beneficiosa para os intereses de Socamex, parte privada de Emafesa. A principios de 2015, pasou-se ao cobro unha factura a pesar dos feitos expostos, e mesmo sen ter aprobado o preceptivo padrón municipal. Factura que foi recorrida por máis de 2.500 persoas e que quedou sen contestar, polo anterior goberno municipal, ignorando o dereito á participación cidadá, sobre todo cando se trata de establecer unha nova taxa. A maiores, a grande maioría dos fogares non estaban enganchados á nova rede de saneamento, aínda en obras, que non se remataron até finais de 2016. O sistema non se puxo a funcionar até o 4 de abril deste ano 2017, coa conexión dos colectores, interceptores e tanques. Como xa mencionamos, en febreiro de 2015 preséntanse máis de dous mil cincocentos recursos de reposición, para esixir responsabilidades legais, e a devolución e paralizacións do cobro da Taxa. Os recursos nunca tiveron resposta. Cobráronse indebidamente uns 800.000 euros. A pesar das múltiples declaracións por parte do Alcalde Jorge Suárez, de que se ían devolver, aínda non se fixo. O 18 de setembro de 2015 suspende-se a Taxa, que non se deroga provisionalmente até o 13 de febreiro de 2017. Nun mar de contradicións elaboran-se informes e convocan-se comisións, para aprobar outra taxa diferente por considerar que a que se derogou provisionalmente, era inxusta, pois estaba avultada en custos. Mais, pasados uns meses, sen o preceptivo estudo técnico dos custes, volve-se atrás, non só na derogación, senón que se dá por finalizada esta suspensión, polo que volve a estar en vigor a taxa de 2014, por decisión do Pleno Municipal, agora, a 15 de novembro de 2017, en votación ordinaria e por maioría de sete votos a favor, correspondentes aos membros de Ferrol en Común e as non adscritas María Fernández Lemos e Rosa Méndez Fonte; en contra foron seis votos, correspondentes aos membros do PSdeG-PSOE, Bloque Nacionalista Galego e a non adscrita Esther Leira Penabad, e doce abstencións, correspondentes aos membros do Partido Popular e Ciudadanos.

Cuarto.- A Taxa de 2014, agora habilitada, e que se utiliza para o cálculo do prezo das facturas que se están xirando á veciñanza, está avultada. O seu cálculo está feito en base á “Ordenanza fiscal reguladora da taxa de depuración de augas residuais para o ano 2014”, BOP 167 do 3 de setembro de 2014. A propia Emafesa fixo un Informe posterior, que foi a base pola que se elaborou outra proposta de Taxa, levada a diferentes Plenos no ano 2017, baixo a denominación “Estudio de Costes Justificativos y Tarifas de Saneamiento en Alta y Depuración del Concello de Ferrol – Novembro de 2016″, onde o prezo é inferior, calculado por m3, na cota variábel, nas mesmas condicións medias elaborado para a Taxa de 2014, o mesmo para a cota fixa do servizo.

Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa de Depuración nº17, de 2014.
Informe Estudo Emafesa de novembro 2016 e da Xefatura de Facenda e Patrimonio para nova Taxa 2017.
Cota Servizo por mes: 2,52 euros
Prezo m3 por mes: 0,3826 euros
Cota Servizo por mes: 2,30 euros
Prezo m3 por mes: 0,3486 euros

Aínda así, segundo o informe do enxeñeiro municipal e da auditora externa Audigal, os custes dese último estudo seguen avultados. O mesmo di Augas de Galicia, nun Informe elaborado en 2016 para a Mancomunidade de Concellos de Ferrol, onde se desprende que o cálculo de consumo eléctrico que fai Emafesa está aumentado, así como os caudais a depurar. Polo que o prezo da Taxa de 2014, está calculado sobre estimacións, non sobre custos reais, e mesmo esas estimacións estaba previsto que se fixesen desde o ano 2014 até o ano 2016. Cousa que non se fixo, porque se comezou a depurar en 4 de abril do ano 2017. Ademais o prezo imputado agora é sobre a ordenanza aprobada en 2014. Mesmo, se comparamos este prezo, co valor que tería, de estar xestionado o sistema de depuración e saneamento, conforme á legalidade, por Augas de Galicia (como así estaba previsto no Convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, publicada no BOE o 19 de maio de 2014, até constituír-se un sistema xestor de carácter supramunicipal), este sería moi inferior (Artigo 66 e outros da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia e o Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais).

Coeficiente de Vertedura – Augas de Galicia 2017.
Cota Fixa Xeral por mes: 1,54 euros.
Cota variábel m3 por mes: 0,29 euros.

Outro dato importante que avulta a Taxa, entre outros, é a diferencia de 177.474 euros entre as previsións de Emafesa do custe da xestión dos interceptores e tanques (593.790 euros), a base de licitación de Acuaes (514.823,32 euros), e o da adxudicación real a Viaqua por 416.316 euros, segundo informe do Enxeñeiro Municipal de marzo de 2017 e os informes de Acuaes para a licitación.

Ademais de estar avultada en canto a custes reais, ten un custo superior aos custos do servizo porque inclúe o saneamento rural, até agora inexistente, e parte do custe dos interceptores e tanques, declarados obras de interese xeral, o mesmo que a depuradora, e polo tanto non poden incorporarse ao custe da taxa. E por mor do sistema unitario de saneamento imposto, contrario ao disposto no PAXOM do 2000 (En vigor), no apartado Condicións de Saneamento, no seu artigo 178.1 sobre Rede de saneamento: “O saneamento realizarase normalmente polo sistema separativo, ben puro ou admitindo, coas augas residuais, unha proporción limitada das de chuvia, de maneira que o resto destas vertan directamente nos arroios naturais, que deberán ter asegurada a súa continuidade ata unha canle pública”, pois o 55,5% dos caudais que temos que bombear e depurar, é a auga procedente da chuvia.

Isto ven a vulnerar o lexislado no artigo 24.2 da Lei Reguladora das Facendas Locais que entre outras cousas di: “…o importe das taxas pola prestación dun servizo ou pola realización dunha actividade non poderá exceder, no seu conxunto, do custo real ou previsible do servizo ou actividade de que se trate…”, así como o disposto no artigo 19 “Elementos cuantitativos da taxa da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos” que vai no mesmo sentido.

Fica claro que este acto administrativo, e a norma (ordenanza fiscal) que o sustenta, son totalmente contrarios a dereito e, polo tanto, deberían declararse nulos todos os recibos confeccionados e pasados a cobro por Emafesa con base nesta ordenanza fiscal.

Quinto.- Esta taxa está calculada e aprobada incumprindo o artigo 133 da citada Lei de Procedemento Administrativo, onde se fala da obrigatoriedade de realizar un proceso público de participación cidadá para elaborala e aprobala. Conforme aos principios da Directiva Marco da Auga, de participación.

Sexto.- Aínda non se devolveu o importe da factura que se cobrou indebidamente en 2015, estimando-se que que son sobre 800.000 euros, pois segundo o disposto no artigo 12 Devolución, da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos que di: “Procederá a devolución das taxas que se esixiron, cando non se realice o seu feito impoñíbel por causas non imputables ao suxeito pasivo” e ao disposto nos artigos 32 e 220 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria. Pois a falta de feito impoñíbel, non só esta recoñecido publicamente e en Pleno, senón que está certificado en informes do enxeñeiro municipal de 27 de agosto de 2015 e da Xefatura de Facenda e Patrimonio do 9 de setembro de 2015, así como nunha resolución xudicial (Auto 00092/16 do Xulgado Contencioso Administrativo Nº1 de Ferrol) ante recurso de Socamex parte privada de Emafesa, onde mantén a suspensión do cobro da Taxa. Da-se a circunstancia de que só é unha parte das persoas abonadas, foron as que pagaron, pois outras miles non o fixeron. Sendo presuntamente ilegal que Emafesa reteña ese diñeiro ás persoas que lles cobrou indebidamente no seu momento e sendo responsable subsidiario o Concello por non ordenar a súa devolución como así establece a lexislación vixente.

Sétimo.- En todo o procedemento desde maio de 2014, falta o preceptivo informe ou memoria económico-financeira, como así se establece no artigo 25 “Acordos de establecemento de taxas: informe técnico-económico”, da Lei Reguladora das Facendas Locais e no artigo 20. “Memoria económico-financeira”, da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. Pois non só para o levantamento da suspensión o pasado 15 de novembro de 2017, senón que para a aprobación da Ordenanza de 2014, agora en vigor, o Interventor recoñecía non ter presentado o informe preceptivo no seu do 23 de maio de 2014: “IV- Limitacións ao Alcance. O actual informe ten un alcance limitado de acordo co escaso tempo do que se dispuxo para a análise da documentación e emisión de informe, toda vez que se ten remitido nesta mesma data o expediente. Por elo limítase basicamente a verificar o cumprimento dos requisitos formais e procedimentais esixíbeis”. Vulnerándose deste xeito o disposto nos artigos mencionados.

Oitavo.- O Concello de Ferrol, está revisando e adaptando o Plan Xeral de Ordenación Municipal, do cal xa está publicado o Anteproxecto, con data de Decembro 2015 e no verán do pasado ano, estivo a exposición pública, para o trámite de avaliación ambiental. Consideramos de importancia, transcribir un detalle do citado documento de planificación urbanística, pola importancia do mesmo no desenvolvemento e deseño da cidade e do conxunto do concello. Este documento xa pasou o período de consultas. E está a disposición na web oficial do concello e no da Xunta. O detalle está na páxina 119 do texto que di: “O novo sistema de saneamento e depuración centralizado contén eivas no seu deseño, xa que non conta cun sistema separativo e, non se tratan as augas pluviais de forma individualizada, captándose no sistema os regatos que discorren baixo as tramas urbanas. Estas carencias obrigaron a sobredimensionar as infraestruturas, co conseguinte incremento no custe das obras. Deste xeito, a explotación por parte dos concellos das novas infraestruturas implicará un grande consumo enerxético e un alto custo de recursos económicos”. Este mesmo paragrafo está textualmente na páxina 19 do “EDUSI Ferrol-Naron – Ría de Ferrol Cidade 2020 – Estratéxia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado”, onde tamén fai outras mencións de interese ao saneamento e depuración na marxe norte da Ría de Ferrol que apoian as nosa propostas. Polo que o propio texto proposto, do chamado a ser o documento de Planificación máis importante da cidade, tamén clama por un sistema separativo de saneamento e depuración e critica explicitamente ao sistema imposto, no seu día polo Ministerio de Medio Ambiente.

Noveno.- O concello non publicou o edicto de exposición pública do mencionado padrón no BOP até o 6 de febreiro cando xa levaba todesde o 12 de xaneiro cobrando as facturas. Polo que vulnerou o estipulado na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014 (BOP da Coruña do 03/09/2014).

O artigo 8 da mencionada norma obriga a que a taxa polos servizos de recollida e depuración de augas residuais sexa xestionada mediante padrón, o cal deberá ser sometido a exposición pública coa mención expresa dos recursos a que haxa lugar e o período para exercitar o dereito aos devanditos recursos. Así o establece tamén a propia Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos no seu artigo 15.

Porén, o Concello de Ferrol non publicou o edicto de exposición pública do mencionado padrón, en tempo, inculcando de forma grave, non xa o exposto na súa ordenanza, senón tamén a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que establece no artigo 213 e seguintes, o dereito á revisión en vía administrativa dos actos tributarios, polo que deixa nunha clara indefensión as persoas administradas ao lles negar o dereito aos recursos que corresponderan.

Décimo.- Desde a nosa consideración o marco legal polo que se se estan pasando as facturas de depuración é irregular:

1.“Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol.” (Convenio recorrido polo Concello de Narón ante Augas de Galicia e o Concello de Ferrol).

  1. Entrega da xestión a unha empresa mixta (Emafesa), sen contrato, amparándose nun irregular “Protocolo de Execución Concertada…”, caducado en xuño de 2016.

Este marco legal está baseado na cesión ao concello de Ferrol, e este á súa vez á empresa Emafesa, da xestión da explotación, mantemento e conservación do servizo público de saneamento e depuración de dous municipios (non só de Ferrol). Posúe polo tanto, natureza inequivocamente contractual, posto que o contido de tal xestión e encomenda coincide plenamente coa definición que do contrato de xestión de servizos públicos fai o artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público que estaba vixente no seu momento, resultando polo tanto o documento convencional, dende o punto de vista xurídico-material, un contrato administrativo sometido a normativa de contratación pública e, en primeiro termo, á libre concorrencia. O Concello de Ferrol non pode reputarse como un medio propio da entidade pública Augas de Galicia, nin Emafesa, un medio propio do Concello de Ferrol, non existindo polo tanto os requisitos do artigo 24.6 do TRLCSP que decía antes da entrada en vigor da nova Lei o ppasado 9 de marzo: “…organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade, cando estes ostenten sobre os mesmos un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Si se trata de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública”. Sendo todo isto aínda máis restritivo para as adxudicacións directas sen concorrencia ou licitación pública, como así se explica no paragrafo vinte e un, do punto IV do Preámbulo da nova Lei cando manifesta que “… se evitan adxudicacións directas que poden menoscabar o principio de libre competencia” en referencia ao disposto no Artigo 32. Encargos dos poderes adxudicadores a medios propios personificados e outros artigos, da nova Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transportaren ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

Undécimo.- En referencia a isto último, o pasado 23 de febreiro deste ano, nas dependencias municipais de Ferrol, houbo unha xuntanza a tres bandas, entre a alcaldesa de Narón, Marian Ferreiro, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e o Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, para avaliar a proposta de convenio que supostamente posibilitaría a solución ao conflito legal entre Ferrol e Narón, proposta feita por ambos concellos. Mais esta non foi aceptada por Augas de Galicia e todo segue sen solucionar. Coa gravidade de que a depuración para o Concello de Narón e a súa facturación, segue nun limbo legal ao ser Emafesa a xestora do sistema de saneamento, sen que Augas de Galicia asuma a responsabilidade que lle corresponde, de facer-se cargo do sistema, polo disposto no xa mencionado convenio de colaboración coa antiga Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, publicada no BOE o 19 de maio de 2014. Poñendo en perigo todo o sistema e levando ao Concello de Ferrol a unha situación límite, presuntamente por intereses espurios, alleos ao que a Lei de Augas de Galicia, lle ten encomendado. De todo isto non se deu información á opinión publica, nin explicacións en Comisión Informativa, nin Pleno.

Concluímos por todo o exposto que 

presuntamente todo isto ten como único fin paliar a situación financeira da empresa mixta de augas Emafesa, cun pasivo acumulado de mais de oito millóns de euros, que chantaxea ao Concello coa solicitude en sede xudicial da súa disolución imputable ao mesmo. Ademais, desde a nosa observación, desenvolvendo unha mala xestión, ocultando información, prestando-se ao engano, cunha contabilidade opaca e as contas sen aprobar desde 2014.

Por todo o anterior,

SUPLICAMOS que se teña a ben dar por presentado este escrito coas súas copias e relación de documentos que se solicita esixan ao Concello de Ferrol e Narón; se digne ser admitido, e teña por formulada DENUNCIA contra quen corresponda na empresa Emafesa e no Concello de Ferrol. E que tras os trámites xurisdicionais oportunos se dite sentenza pola que se condene a quen puideran ser penalmente responsables por un delito de estafa, prevaricación ou por aqueles delitos que no transcurso da investigación puideran terse probados, como deixación de funcións e delito ecolóxico. Ou mesmo ampliar a investigación polas responsabilidades que puideran ter o anterior goberno municipal e os directores de Augas de Galicia.

Relación de documentación que solicitan sexa achegada ao expediente polo propio Concello:

1.- Informe “Estudio de Costes justificativos y tarifas de saneamiento en alta y depuración del Concello de Ferrol”, elaborado pola propia Emafesa en novembro de 2016.

2.- Informes do Enxeñeiro Municipal emitidos o 27 de agosto de 2015 e o 27 de marzo deste ano 2017.

3.- Informe do Xefe de Sección de Facenda e Patrimonio do 9 de setembro de 2015.

4.- Informe municipal sobre recursos de reposición interpostos pola veciñanza, en febreiro e marzo de 2015, contra a o cobro dos recibos da taxa de depuración agora rehabilitada.

5.- Informe especial de Audigal emitido en febreiro de 2017.

6.- Prego de prescricións técnicas particulares do contrato de xestión de servizo público en réxime concesional para a xestión da Edar de Cabo Prioriño, o sistema de colectores interceptores da marxe norte da ría de Ferrol, elaborado por Augas de Galicia en 2016 para a Mancomunidade de Concellos de Ferrol.

7.- Auto 00092/2016 do Xulgado Contenc./Administ. Nº1 de Ferrol. | Denegación medida cautelar a Socamex.

8.- Adxudicación a Viaqua da explot. dos interceptores NºExp.ACE/802.01-02-03-04-05/16/EXPL/01 | 28.02.2017.

9.- Actas dos Plenos celebrados o 28.08.2014, 18.09.2015, 13.02.2017 e 15.11.2017.

Depurar responsabilidades, solicitando información, aos tres entes da xuntanza a tres bandas mencionada, e como, o non resolto, afecta á economía da empresa mixta Emafesa e á do Concello de Ferrol.

Solicitar ao Concello de Narón o informe de OTIMA denominado “Estudo de costes de explotación da Edar de Cabo Prioriño e da Ebar de A Malata. 15 de febreiro de 2018. OTIMA. Doc de 196 páxinas e os recursos interpostos contra o Concello de Ferrol e Augas de Galicia contra o convenio de Colaboración.

En Ferrol, a 19 de marzo, de 2018

Asinado.-

[*] A empresa contratada é EUDITA FAIR VALUE AUDITORES, S.L. | Ir á Web do Concello. (Presentado polo Alcalde como o grande erro da denuncia da Plataforma).

NOTA DE INTERESE: Ante esta denuncia o gabinete de Comunicación da Alcaldía do concello de Ferrol, emiteu o seguinte comunicado. | Acceder/Baixar. Por outra banda este martes 20 de marzo o Alcalde de Ferrol ten convocado unha rolda de prensa para respostar a esta denuncia.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es


 

Responder

Por favor, inicia sesión con uno de estos métodos para publicar tu comentario:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.