CONTRA A ESTAFA DAS ELÉCTRICAS!


O pasado 1 de xuño entraba en vigor no Parlamento Español a nova tarifa da luz, aprobada a mesma polo autodenominado “goberno máis progresista” da farsa chamada Transición. Así pois, a clase traballadora de Galicia, e tamén do resto do Estado Español, estamos a padecer desde hai meses un incremento desorbitado nos prezos das facturas eléctricas, o cal repercute directamente na estabilidade da maioría social.

Os prezos dos recibos da luz, xa altos de por sí antes do “tarifazo”, dependen esencialmente de tres principios: o negocio que fan as empresas coa enerxía, os altos impostos que non repercuten no noso benestar e os gastos fixos regulados. E o maior beneficiario desta suma agora mesmo é a oligarquía no poder.

É evidente, por tanto, que se facemos unha lectura adecuada do que sucede, efectivamente atopámonos diante dun descarado engano. O que pagamos por un ben común como é o da enerxía non se corresponde co que custa xerar o mesmo. É un feito de facto, que os monopolios enerxéticos só miran polos seus beneficios, e fano con elevadas cifras. Endesa pechou o ano 2020 cun beneficio de 1.394 millóns de euros; Iberdrola, con 3.610 millóns e Naturgy, con 490 millóns.

Fronte ao saqueo e a especulación, as distintas receitas dos partidos políticos do réxime, armazón que blinda os intereses dunha casta parasitaria a cal compra á clase política mediante recompensas nos consellos de administración de empresas eléctricas, só achegan populismo e oportunismo a un problema que é de alta gravidade. Nin a creación dunha empresa estatal pública, cando hai contratos gubernamentais de anos por diante coas eléctricas o cal supón un timo en si mesmo, nin unha tarifa eléctrica galega, insolidaria co resto de pobos do Estado e que ninguén asegura por iso que sexa máis baixa, van solucionar algo respecto disto.

A historia da loita social no noso país demóstranos que só a nacionalización das eléctricas e o control democrático das mesmas vai facer posible o benestar social. E para iso, fai falta que a esquerda rupturista artelle unha fronte común republicana, involucrándose a mesma na organización das capas populares en cada mobilización, facendo pedagoxía sobre as mesmas nestes tempos de desafección política, para conquistar o ben común e blindalo.

Diante desta tarefa, desde a Plataforma Galega pola Terceira República chamamos, por unha banda se es republicana ou republicano á participación activa nun espazo plural e democrático como é o noso, e doutra banda a avanzar cara a un encontro aberto entre os sindicatos de clase, as asociacións sociais e os partidos políticos da esquerda transformadora crean urxente construír a unidade popular desde abaixo para, entre outras cousas, loitar polo que é noso.

POLA NACIONALIZACIÓN DAS ELÉCTRICAS!
POLA LOITA CONTRA O CAPITAL!!
POLA REPÚBLICA!!!

Pñataforma Galega pola Terceira República